Na parroquia de Guillade, concello de Ponteareas, sendo as 17:00 horas do día 5 de abril de 2009, en segunda convocatoria, e coa asistencia de 31 comuneiros e comuneiras, iníciase a asemblea xeral ordinaria da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillade, coa seguinte orde do día:
Punto 1º: Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
Punto 2º: Estado das contas.
Punto 3º: Aprobación da asemblea para solicitar subvencións.
Punto 4º: Admisión de novos comuneiros e comuneiras.
Punto 5º: Rogos e preguntas
Iníciase a asemblea xeral ordinaria dando lectura á acta da asemblea anterior, sendo aprobada por unanimidade.
A continuación o tesoureiro presenta o estado das contas pertencentes ao ano 2008, sendo aprobadas por unanimidade.
Seguidamente, e en relación ao punto terceiro da orde do día, referente á autorización da asemblea para que a Xunta Rectora e o seu Presidente poidan solicitar axudas e subvencións oficiais, tamén é outorgada por unanimidade.
En relación co punto cuarto da orde do día preséntanse dúas novas admisións de comuneiros/as, que son aprobadas pola asemblea para formar parte do rexistro de comuneiros/as, por reunir os requisitos esixidos.
A continuación, o presidente solicita autorización da asemblea para, de ser o caso, poder presentar denuncias ou emprender accións xudiciais en defensa dos intereses da comunidade de montes, séndolle concedida por unanimidade.
O presidente informa dos seguintes asuntos:
1. En relación coa venda prevista dos piñeiros da zona de Albelle, só se venderon os piñeiros secos, por un valor de 1250 €, xa que o prezo da madeira está moi baixo e non valeu a pena vender tamén os verdes. Esperarase a un mellor momento.
2. En relación coas plantacións de árbores, este ano plantouse un rodal de castiñeiro de 1,3 hectáreas e 815 prantas nunha zona contra os lindes de Uma. Solicitáronse 3 hectáreas máis na mesma zona, esta vez de carballo americano e carballo do país.
3. En relación coa venda de 30 piñeiros arredor da nave de Albelle efectuada por LDD, e logo da denuncia efectuada pola comunidade de montes, o xulgado estimou non consideralo delito penal e remitiunos a presentar a demanda civil, actualmente en curso. Reclamamos 2119 €.
4. En relación co contencioso administrativo presentado pola Comunidade de Montes de Cumiar respecto aos lindes coa nosa comunidade de montes, foilles desestimado no xulgado de Pontevedra. Presentaron apelación en A Coruña.
5. En relación coa nave de Albelle, comunícase que faleceu este ano o noso avogado e tivemos que contratar un novo avogado en Pontevedra, que ten pendente presentarnos un estudo sobre a situación do heliporto.
6. En relación coa limpeza da cría de piñeiro en Rebordiños comunícase que o tractor do Servizo Forestal da Xunta de Galicia limpou 6 hectáreas das 26 previstas, e despois de ter unha avería quedaron en proseguir a limpeza cando se arranxe o tractor.
No punto quinto de rogos e preguntas, debátese sobre a problemática do vertedoiro da Encostada. Anímase aos comuneiros a denunciar calquera verquido ilegal. Só se admitirán terra ou pedras na zona ou zonas que se indiquen, baixo a autorización do presidente da comunidade.
Sen máis asuntos que tratar, dase por finalizada a asemblea xeral ordinaria, sendo as 18:00 horas do día 5 de abril de 2009.