Archive for xuño, 2008

Paseo polo monte de Guillade (6 de xullo 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Guillade continúa organizando os paseos  polo comunal. Desta vez toca na zona oeste, nos lindes con Oliveira e Celeiros, co obxecto de clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de xullo, pola tarde. Iniciarase ás 18:30 na Cruz do Valado.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Delimitación do monte comunal na zona este e norte de Guillade


Ver mapa

A través da información que nos ofrece o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) diferenciamos nesta zona dúas parcelas, coas seguintes características:

1. Polígono 94, Parcela 625, cunha extensión de 76,5505 ha. Inclúe a zona do coto da Pedreira, Rebordiños, a Capelana, chega ata os lindes con Mouriscados e Uma, e tamén linda coas cabadas en Guillade de Arriba.

2. Polígono 92, Parcela 193, extensión de 9,3910 ha. Esta parcela linda co Coto dos Santos, e nela temas plantadas 3 ou 4 hectáreas de castiñeiro e media hectárea de roble americano.

O visor do SIXPAC permítenos medir distancias e superficies das parcelas que marquemos. Unha vez cargado o visor pulsamos na icona de busca e no menú de modo de busca escollemos o modo progresivo e seleccionamos a provincia, o concello, e o polígono desexado.  Logo ampliamos co zoom ata dar coas parcelas buscadas.

Dada a súa extensión de 76,55 ha, no polígono 94, parcela 625, podemos diferenciar ata un total de 8 subparcelas, se seguimos os lindes das pistas (numeradas en círculo, dende o coto da pedreira e en sentido contrario ás agullas do reloxo).

Podemos denominalas coa letra R (referencia á Rañó), e obtéñense unhas superficies aproximadas conforme ao seguinte:

R1: Dende a Rañó e baixo o Coto da Pedreira. Superficie aproximada: 6,30 ha. Hai moita xesta e nacendo eucaliptos polo medio. A cría de eucalipto tamén sobe dende a pista que linda coas cabadas contra Uma.

R2: Coto da Pedreira baixando a Uma. 10,7 ha. Aquí ardeu todo o piñeiro novo. Agora hai moita cría de piñeiro nacendo.
Nesta zona tamén hai unha hectárea aproximada de cerdeira, cuns 15 ou 20 anos de plantadas, e que non van adiante.

R3: 4 ha. En Rebordiños, nos lindes con Uma. Parcela con nacentes de auga. Ten moita silva e toxo xa grande, e está medio invadida por eucalipto novo.

As tres parcelas anteriores vense nesta foto:

R4: 9,9 ha. En Rebordiños, lindes con Uma e Mouriscados. Aquí tamén ardeu o piñeiro novo, e agora ten moita cría de piñeiro. Tamén hai unhas cantas áreas que teñen cría de carballo e habería que conservalo.

R5: 12,2 ha. En Rebordiños, linde ao norte con Mouriscados. Esta é a única parcela onde se conseguiron salvar unhas dúas hectáreas de piñeiro novo. O resto ten moita cría de dous anos.

R6: 10,3 ha.  Na Capelana. Zona chea de cría de piñeiro, de 2 anos.

As tres parcelas anteriores na seguinte foto:

R7: 15 ha. Máis ao oeste, contra as cabadas de Guillade de Arriba e Carballede. Nesta parcela hai moita cría de piñeiro novo, pois ardeu hai 3 anos. Na vagoada do lado oeste hai prantados castiñeiros e robles de varios anos, pero con dificultades para medrar. Agora esa zona comeza a ser invadida por eucalipto.

R8:  5 ha. Enriba da Coalleira. Nesta parcela só hai xesta za zona baixa e toxo na máis alta.

As dúas últimas nesta foto:

A superficie total estimada desta zona do monte comunal sitúase aproximadamente nas 85,94 ha.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Mapas do monte comunal de Guillade

En google maps conseguimos uns mapas en relevo de toda a parroquia de Guillade co seu monte comunal.

En primeiro lugar, aquí temos un mapa xeral que abrangue toda a parroquia.

Outro mapa de toda a parroquia pero só coas curvas de nivel.

Mapa detallado elaborado para o PXOM.

Mapa ampliado, da zona este e norte, que linda con Uma e Mouriscados.

Mapa ampliado da zona oeste, que linda con Oliveira.

Mapa ampliado da zona sur.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte (22 xuño 2008): resumo da xornada

 Onte domingo xuntámonos catro persoas na Cruz do Valado a iso das 10:00 da mañá: Montero, Xose, Cris e Carlos. Iniciamos o paseo a pé na zona da Rañó lindando con Uma, baixo o Coto das Pedreiras. Ía néboa pero a temperatura era agradable. Nesta zona aínda vimos os restos dos piñeiros desvastados polo lume de hai dous anos, e algún que outro eucalipto que ameaza con implantarse na zona. Entre o toxo que medra hai cría de piñeiro.

Seguimos andando polo camiño que linda con Uma, rumbo norte, e chegamos ao cruce que sube a Rebordiños. Unha boa costa, onde houbo que aminorar a marcha. Nesta zona esta  previsto plantar unhas tres hectáreas de castiñeiro despois do verán. Arriba chegamos ao cruce de Rebordiños. Aquí hai cría de piñeiros e algún que outro eucalipto novo.

Seguimos máis ao norte o camiño que vai ter ao marco que limita as tres parroquias de Uma, Guillade e Mouriscados. De aí ven outra forte subida, dirección oeste, por un camiño que fai de linde entre Guillade e Mouriscados, e ao fin del cruzámonos cun camiño que ven de Rebordiños e vai dereito a Mouriscados. Nesa zona hai varias hectáreas, ao menos tres ou catro, con piñeiro de uns poucos anos en bo estado.

 

Seguindo un pouco ao norte chegamos a outro marco que fai o linde con Mouriscados. Dende aquí e mirando ao oeste vemos o Coto dos Santos, aínda envolto na néboa, a medio kilómetro.

Ao pé do Coto dos Santos, temos unha plantación de castiñeiro dunhas 3 ou 4 hectáreas, agora en floración, que xa ten uns 15 anos, pero que lle custou moito arrancar para diante, e ao lado dela outra máis pequena de roble americano.

De regreso baixamos polo camiño que vai ter dereito ao Coto das Pedreiras, coas vistas do San Domedio á fronte. Á man esquerda dese camiño, na zona de Rebordiños, vimos moita cría de piñeiro.

Xa no Coto das Pedreiras descansamos e bebemos auga na fonte.

Baixamos pola Coalleira, chea de xestas de dous e tres metros de altura dereito á Rañó e á casa da Mari Luz. Non moi lonxe da casa atopamos un vertedoiro de escombros escondido ao pé do camiño. Hai que ir concienciando á xente que esa non é a solución, que o monte é como a nosa casa e hai que telo limpo.

Para rematar, aquí podedes ver unha presentación completa do itinerario con máis fotos.

E aquí temos as fotos localizadas sobre un mapa de satélite grazas a google maps.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte de Guillade (22 de xuño 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Guillade ten previsto realizar unha excursión pola zona da Rañó e lindes con Uma, Mouriscados e Cumiar, co obxecto de valorar a situación actual do monte, clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de xuño, iniciarase ás 10:00 da mañá na Cruz do Valado, e volveremos para xantar na casa.

Chuzame! chúzame -

No comment »

5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente conmemórase o día 5 de xuño de cada ano, para estimular a concienciación sobre o ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política. O lema seleccionado para O Día Mundial do Medio Ambiente 2008 é Deixa o Hábito! Cara a unha economía baixa en Carbono, e proponnos reducir a produción de CO2, principal causante do efecto invernadoiro e do quencemento glogal.

Na páxina do PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) atoparás máis materiais informativos, e algúns vídeos, coma este cunha canción de Sting (Fragile Planet) con imaxes e mensaxe.

Nos enlaces seguintes atópanse consellos para colaborar na mellora do medio ambiente:

Como podes controlar ti o cambio climático: baixa, apaga, recicla e anda.

Baixa a calefacción, apaga as luces que non necesitas, recicla os residuos e camiña ou vai en bici á escola; estas son algunhas das formas nas que podes axudar.Calcula as emisións de Carbono que podes aforrar

Para rematar temos uns xogos, para poñer a proba os coñecementos:

1. Para cuidar a illa de Honoloko.

2. Moitos máis xogos na web de Fundación Biodiversidad.

Chuzame! chúzame -

No comment »

2º Roteiro do Programa Debrúzate: Angoares

Os colectivos Adenco, Galiza Nova e MZS presentan o segundo roteiro do programa Debrúzate que nesta ocasión levará aos asistentes pola parroquia de Angoares.

      A actividade terá lugar o próximo sábado 7 de Xuño, saíndo da Igrexa de Angoares, ás 17h, con participación libre e gratuita. O percorrido, dunha dificultade baixa e unhas tres horas de duración partirá da Igrexa de Angoares, unha edificación de estilo románico, única no País pola súa planta de cruz latina e ábside rectangular.

      Posteriormente, o percorrido seguirá pola beira do Río Uma, Lugar de Interese Comunitario, onde se poden observar até dez muíños, desfrutar dunha paisaxe de ribeira ben conservada e onde tamén destaca a Ponte do Cabalón, pola que pasaba unha vía romana.

Ademais, os petos de ánimas e o Castro de Angoares serán obxecto de visita e explicación, neste roteiro circular que pretende unir unha vez máis o noso patrimonio natural e cultural, dándoo a coñecer para que se protexa e máis neste caso, o de Angoares, unha parroquia ao pé do casco urbán de Ponteareas, case descoñecida para os veciños da Vila.
(Recollido en nota de prensa do BNG Condado)

Chuzame! chúzame -

No comment »