setembro 18, 2008
· Arquivado en Defensa do medio ambiente
O día 21 de setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores. A expansión dos monocultivos forestais en diversos países do mundo ten unha serie de consecuencias ambientais e sociais negativas. A Federación Ecoloxista Galega súmase á celebración deste Día a través dunha ciberacción que critica o apoio que a Administración Galega continúa a dar á expansión do eucalipto e solicita unha nova política forestal galega baseada na conservación da biodiversidade, na protección dos solos e na valorización dos montes.
Galicia non escapa aos danos asociados aos monocultivos. O cultivo de eucalipto está a ser un factor fundamental na degradación e hipoteca do futuro dos nosos sistemas forestais. A Administración galega desenvolve unha política baseada no mantemento e promoción dos monocultivos, fundamentalmente do cultivo de eucalipto, ao servizo das industrias de transformación que monopolizan a actividade do sector forestal e impoñen un modelo de xestión insostible ambiental, social e economicamente.
Ante este realidade, a Federación Ecoloxista Galega quere participar, neste día mundial contra os monocultivos de árbores, cunha ciberacción na que animará aos cidadáns de Galicia e doutros países a
enviar, a través dun formulario en internet
un escrito aos Conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, e ao Presidente da Xunta, solicitando un cambio na política forestal que free a degradación que sofren os nosos montes.
Como complemento, creouse un álbum de fotografías na rede http://picasaweb.google.es/contraosmonoc...) onde se fan visíbeis os impactos dos monocultivos. Calquer persoa que o desexe pode aportar as súas fotografías a este álbum enviándoas ao enderezo de correo electrónico contraosmonocultivos@gmail.com

Noticia recollida no xornal Vieiros.com
setembro 17, 2008
· Arquivado en Ideas para o monte, O lume
CONSTITÚESE A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE VIXILANCIA FORESTAL DE FOZARA (PONTEAREAS)
- O delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, entregou esta mañá aos integrantes desta asociación o material necesario para realizar traballos de vixilancia disuasoria e de apoio en colaboración co servizo de prevención e extinción de incendios.
- A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais vén fomentando este tipo de iniciativas integradas por persoas voluntarias directamente vencelladas á defensa dos seus montes, chegando a ter neste momento 74 agrupacións constituídas no territorio galego.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2008.- O delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, fixo entrega esta mañá á recén constituída Asociación Veciñal de Vixilancia Forestal de Fozara (Ponteareas) do material necesario para levar a cabo os traballos de vixilancia disasoria e de apoio en colaboración co servizo de prevención e extinción de incendios. A Consellaría do Medio Rural facilitalles a este tipo de agrupacións de voluntarios material como chaleques identificativos, batelumes e prismáticos, ademais de impartirlles un cursiño sobre prevención de incendios e vixilancia, co obxectivo de atender acaídamente as instrucións de coordinación do dispositivo profesional de loita contra incendios. Desde que a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais comezara a impulsar a constitución deste tipo de agrupacións o pasado ano, neste momento xa existen 74 AVVF desenvolvevendo labores de vixilancia e de retén. Neste sentido, Constenla destacou “a importancia de que toda a sociedade se involucre na defensa dos nosos recursos forestais, e aínda que a Administración asume as iniciativas relativas a este ámbito, nos dous últimos anos estase a observar un cambio na comunidade que volve a sentir o monte como algo propio, sendo as AVVF unha mostra disto”.
Hai que lembrar que, no marco da loita contra o lume, as agrupacións veciñais poden desenvolver labores de voluntariado en tarefas que non esixan ningún grao de profesionalización en colaboración cos responsables dos distritos forestais e de acordo cos protocolos establecidos en materia de prevención e extinción. O obxectivo principal do seu traballo, ademais de reducir o número de lumes mediante vixilancia disuasoria, é o de diminuír o tempo de reacción pola rápida detección, acadar e transmitir información precisa, prestar apoio na guía de medios, prestar apoio loxístico na subministración de auga, vixilar os lumes sofocados e ordenar e optimizar a participación cidadá nas labores de prevención e extinción.
A constitución deste tipo de agrupacións está contemplada normativamente na Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza no apartado que recolle “o reforzo da vixilancia para poñer couto á actividade criminal incendiaria mediante a colaboración veciñal”, punto que lexitima a involucración de toda a sociedade galega na defensa do noso monte como un activo económico, social e medioambiental. Estas fórmulas de agrupación poderán, na maior parte dos casos, ter continuidade na constitución de Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), como fórmula de reorganización da propiedade co obxectivo de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo.
Consellería do Medio Rural