Limpando na presa dos muíños

O pásado sábado comezamos a limpar o monte na zona coñecida como da presa dos muíños, enriba do barrio da Encostada, en Guillade de Arriba. Esa presa recolle as augas que baixan desde o Coto dos Santos por un pequeno regato agachado entre salgueiros e carballos. Hai uns dez anos que se plantaron nesa zona carballos americanos, nunha extensión dun par de hectáreas.

Pero o lume que arrasou hai tres anos o monte de Guillade levou con el a beleza deste lugar. Dende aquela, xa retoñaron os carballos, alimentados polos nacentes de auga que existen aquí, e a zona volve recuperar a súa frescura. Pero ao mesmo tempo tamén naceron entre as árbores un toxo e unhas silvas que son agora máis altos que as persoas, e que ameazan de novo con chamar polo lume.

Así que organizamos un grupo de voluntarios e voluntarias para limpar esta zona do monte. Todos os sábados, das 6 da tarde en diante, xuntámonos ao pe da presa e imos limpando pouco a pouco os toxos e silvas. Dá gusto ver os carballos outra vez limpos,  agora que deixan ver os seus gomos novos, e moitos xa pasan dos dous ou tres metros de altura. Deste xeito queremos recuperar o verde luminoso do lugar e convertelo nunha zona de recreo e nun lugar encantado para o paseo e o lecer.

Desde este foro convocamos a todos aqueles e aquelas aos que a súa sensibilidade pola beleza do monte non lles permita quedarse cos brazos cruzados, especialmente os máis novos e novas do lugar, para que nos acompañen neste labor.

Queda moito por facer, pero con bo ánimo e cun labor tranquilo pero constante, como o das formigas ou o das abellas, o traballo vese  recompensado con creces só polo feito de poder ver as árbores medrar, e máis aínda se pensamos que algún día poderemos dicir que esas árbores que nos acollen e nos protexen do sol creceron ao abrigo da nosa mirada.

Esperámosvos no monte, que tamén é voso.

De PresaMuiños
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
envía isto a del.icio.us

Di o que queiras