Archive for Comunidade de montes

Sentenza no contencioso con Cumiar favorable á CMVMC de Guillade

O Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra desestima o recurso interposto pola comunidade de montes de Cumiar en relación cos lindes no Coto dos Santos.

Contra esta sentenza aínda cabe recurso de apelación.

Aquí pódese ver a sentenza completa, con data do 25 de setembro de 2008.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Delimitación do monte comunal na zona sur e oeste de Guillade (lindes con Celeiros e Oliveira)

Ver mapa en Google maps
Conforme coa información ofrecida polo Servizo de Información Xeográfica de Parcelas Agrarias (SIXPAC), na zona oeste e sur do monte comunal de Guillade podemos distinguir ata un total de 7 parcelas, cunha extensión aproximada de 62,85 ha.

Distribuénse do seguinte xeito:

1. Polígono 79, Parcela 1142, Superficie 10,8844 ha. Sitúase na zona sur da estrada que vai a Ponteareas, lindando con Celeiros, e á man dereita da pista que baixa á Pontedexil. Ten algo de cría de piñeiro e moito eucalipto novo.

2. Polígono 79, Parcela 1112, Superficie 14, 16,61 ha. Sitúase na zona sur da estrada que vai a Ponteareas, dende a Sorreira ata a pista que baixa á Pontedexil, rodeando as 2,7 ha de monte onde se sitúa a nave dos helicópteros. Ten piñeiros, bastantes deles secos ou a secar. Tamén hai algunha zona pequena de eucalipto novo.

3. Polígono 81, Parcela 496, Superficie 4,8240 ha. Na Sorreira, á man dereita da estrada que vai a Ponteareas. Ten piñeiro adulto.

4. Polígono 82, Parcela 291, Superficie 25,1976 ha. Á man dereita da estrada que vai a Ponteareas, dende a nave dos helicópteros ata os lindes coa parroquia de Oliveira, dende o campo de fútbol ata Castromao. Diante da nave dos helicópteros hai unha plantación de piñeiro duns dez anos e 4 metros de altura media. No resto case non hai árbores, só xesta ou toxo, e algún rodelo de carballo, que interesa conservar. Nesta zona, ao lado do campo de fútbol tamén hai un vertedoiro incontrolado.

5. Polígono 83, Parcela 25, Superficie 4,6856 ha. No linde con Celeiros, á man dereita da pista que vai dende o campo de fútbol ata Oliveira. Só ten pasto arbustivo.

6. Polígono 83, Parcela 16, Superficie 1,2751. No linde con Celeiros, á man esquerda da pista que vai dende o campo de fútbol ata Oliveira. Sen árbores.

7. Polígono 83, Parcela 28, Superficie 1,82 ha. No linde con Celeiros, á man dereita da estrada que baixa a Ponteareas. Ten unha plantación de árbores duns dez anos e 4 metros de altura media.

As tres últimas parcelas poden distinguirse na seguinte fotografía:

ID Polígono Parcela Superficie
1 79 1142 10,8844
2 79 1112 14,1661
3 81 496 4,8240
4 82 291 25,1976
5 83 25 4,6856
6 83 16 1,2751
7 83 28 1,82

Esta información podedes localizala co visor de SIXPAC, que nos permite medir distancias e superficies das parcelas que marquemos. Unha vez cargado o visor pulsamos na icona de busca e no menú de modo de busca escollemos o modo progresivo e seleccionamos a provincia, o concello, e o polígono desexado. Logo ampliamos co zoom ata dar coas parcelas buscadas.

Temos fotografías dos mapas obtidos co SIXPAC neste enlace.

Chuzame! chúzame -

No comment »

CMVMCG - Convocatoria de asemblea extraordinaria (17-08-2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillade convoca a todos os veciños comuneiros á celebración dunha asemblea xeral extraordinaria que terá lugar no baixo da Casa Parroquial o vindeiro 17 de agosto, ás 18:30 horas en primeira convocatoria, e ás 19:00 horas en segunda convocatoria, coa seguinte

ORDE DO DÍA:

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior

2. Aprobación, se procede, da incorporación da CMVMCG na Asociación para o Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta.

3. Solicitude de 8 ha de terreno para o pastoreo de vacas por parte de D. José Manuel González.

4. Venda de piñeiros secos en Albelle.

5. Rogos e preguntas.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte de Guillade (6 de xullo 2008): resumo da xornada

Saímos ás 18:30 da Cruz do Valado. Eramos 10 persoas, 6 maiores  (Xose, Antonio, Montero, Manolo, Nelo e José María) e 4 nenos (Estefanía, Andrea, Sandra e Tato).

Fartámonos de andar... ufffffff... isto si que foi unha excursión, e case todo o tempo polo medio dos fentos e dos toxos, subindo e baixando, lembrando aos mellores exploradores da historia. Primeiro fomos ver uns piñeiros que están a secar e marcámolos para cortar. Tivemos que andar polo medio dos fentos, e tropezarnos coa leña seca que había no chan. Andrea foi moi valente, pois aínda que se rascou nos pés seguiu sempre adiante sen queixarse.

Chegamos ao heliporto, e alí puidemos descansar un rato e beber uns tragos de auga. Despois paramos uns minutos na curva que hai antes de chegar ao campo de fútbol, onde sementaramos as landras e castañas no inverno. Vimos que algunhas xa naceran, o que nos puxo moi contentos a todos.

Seguimos pola estrada ata o linde con Celeiros, onde vimos o marco á beira da cuneta. Alí tamén había moito lixo polo chan, un recordo que nos deixaron os do Rallie dos coches, si, o das Rías Baixas, e que ben podían telo recollido e levado nos maleteiros, pois estes coches aínda que non o pareza tamén teñen onde levar as maletas. Queremos deixar claro para que se entere todo o mundo que o lixo non se deixa tirado no monte, pois o monte tamén é a nosa casa, e hai contederos onde tiralo, da mesma maneira que na nosa casa non imos tirando todo o lixo polo chan, senón que o botamos no caldeiro do lixo.



Despois de atopar o marco do linde con Celeiros, fomos  por un camiño dirección norte, ata atopar outro marco que estaba tirado no chan... parece ser que haberá que endereitalo, pois algún gracioso pensou que estaba mellor no chan, pero non, mellor está de pé.

Dende ese marco seguimos dirección noreste, todo recto, na mellor aventura, por riba (e por baixo) de fentos e toxos... Descubrimos unha carballeira preciosa, toda verde, e con carballos que tiñan a pel suave e que daba gusto acariñar. Detrás da carballeira vimos outro marco, este estaba de pé, e tiña un debuxo pintado. Agora tocou unha merenda de verdade, con galletas que levara Xose.

De alí seguimos na mesma dirección monte arriba, por camiños e carreiros, por medio de xestas, ata chegar aos nacentes de auga  de Oliveira. Seguindo un pouco máis arriba aínda buscamos outro marco que debía andar por alí pero que non demos atopado. Xa comezaba a esconderse o sol, e aínda fumos ver a capela de Santa Leocadia, pero estaba moi escondida e non atopamos. Alí había un monte moi bonito, todo chan e con moitos carballos a nacer, pero tamén había eucaliptos polo medio.

Chegou a hora de dar a volta e baixamos a correr ata o campo de fútbol onde estaban os coches, case era noite. Foi unha moi boa excursión e xa estamos esperando pola próxima!!

Chuzame! chúzame -

No comment »

CMVMCG Nota informativa 7 de xullo 2008

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillade fai saber a todos os comuneiros e comuneiras que se poñen á venda un total duns 40 piñeiros xa secos ou que están a secar por causa do lume na zona de Albelle.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Paseo polo monte de Guillade (6 de xullo 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Guillade continúa organizando os paseos  polo comunal. Desta vez toca na zona oeste, nos lindes con Oliveira e Celeiros, co obxecto de clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de xullo, pola tarde. Iniciarase ás 18:30 na Cruz do Valado.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Delimitación do monte comunal na zona este e norte de Guillade


Ver mapa

A través da información que nos ofrece o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) diferenciamos nesta zona dúas parcelas, coas seguintes características:

1. Polígono 94, Parcela 625, cunha extensión de 76,5505 ha. Inclúe a zona do coto da Pedreira, Rebordiños, a Capelana, chega ata os lindes con Mouriscados e Uma, e tamén linda coas cabadas en Guillade de Arriba.

2. Polígono 92, Parcela 193, extensión de 9,3910 ha. Esta parcela linda co Coto dos Santos, e nela temas plantadas 3 ou 4 hectáreas de castiñeiro e media hectárea de roble americano.

O visor do SIXPAC permítenos medir distancias e superficies das parcelas que marquemos. Unha vez cargado o visor pulsamos na icona de busca e no menú de modo de busca escollemos o modo progresivo e seleccionamos a provincia, o concello, e o polígono desexado.  Logo ampliamos co zoom ata dar coas parcelas buscadas.

Dada a súa extensión de 76,55 ha, no polígono 94, parcela 625, podemos diferenciar ata un total de 8 subparcelas, se seguimos os lindes das pistas (numeradas en círculo, dende o coto da pedreira e en sentido contrario ás agullas do reloxo).

Podemos denominalas coa letra R (referencia á Rañó), e obtéñense unhas superficies aproximadas conforme ao seguinte:

R1: Dende a Rañó e baixo o Coto da Pedreira. Superficie aproximada: 6,30 ha. Hai moita xesta e nacendo eucaliptos polo medio. A cría de eucalipto tamén sobe dende a pista que linda coas cabadas contra Uma.

R2: Coto da Pedreira baixando a Uma. 10,7 ha. Aquí ardeu todo o piñeiro novo. Agora hai moita cría de piñeiro nacendo.
Nesta zona tamén hai unha hectárea aproximada de cerdeira, cuns 15 ou 20 anos de plantadas, e que non van adiante.

R3: 4 ha. En Rebordiños, nos lindes con Uma. Parcela con nacentes de auga. Ten moita silva e toxo xa grande, e está medio invadida por eucalipto novo.

As tres parcelas anteriores vense nesta foto:

R4: 9,9 ha. En Rebordiños, lindes con Uma e Mouriscados. Aquí tamén ardeu o piñeiro novo, e agora ten moita cría de piñeiro. Tamén hai unhas cantas áreas que teñen cría de carballo e habería que conservalo.

R5: 12,2 ha. En Rebordiños, linde ao norte con Mouriscados. Esta é a única parcela onde se conseguiron salvar unhas dúas hectáreas de piñeiro novo. O resto ten moita cría de dous anos.

R6: 10,3 ha.  Na Capelana. Zona chea de cría de piñeiro, de 2 anos.

As tres parcelas anteriores na seguinte foto:

R7: 15 ha. Máis ao oeste, contra as cabadas de Guillade de Arriba e Carballede. Nesta parcela hai moita cría de piñeiro novo, pois ardeu hai 3 anos. Na vagoada do lado oeste hai prantados castiñeiros e robles de varios anos, pero con dificultades para medrar. Agora esa zona comeza a ser invadida por eucalipto.

R8:  5 ha. Enriba da Coalleira. Nesta parcela só hai xesta za zona baixa e toxo na máis alta.

As dúas últimas nesta foto:

A superficie total estimada desta zona do monte comunal sitúase aproximadamente nas 85,94 ha.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Mapas do monte comunal de Guillade

En google maps conseguimos uns mapas en relevo de toda a parroquia de Guillade co seu monte comunal.

En primeiro lugar, aquí temos un mapa xeral que abrangue toda a parroquia.

Outro mapa de toda a parroquia pero só coas curvas de nivel.

Mapa detallado elaborado para o PXOM.

Mapa ampliado, da zona este e norte, que linda con Uma e Mouriscados.

Mapa ampliado da zona oeste, que linda con Oliveira.

Mapa ampliado da zona sur.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte (22 xuño 2008): resumo da xornada

 Onte domingo xuntámonos catro persoas na Cruz do Valado a iso das 10:00 da mañá: Montero, Xose, Cris e Carlos. Iniciamos o paseo a pé na zona da Rañó lindando con Uma, baixo o Coto das Pedreiras. Ía néboa pero a temperatura era agradable. Nesta zona aínda vimos os restos dos piñeiros desvastados polo lume de hai dous anos, e algún que outro eucalipto que ameaza con implantarse na zona. Entre o toxo que medra hai cría de piñeiro.

Seguimos andando polo camiño que linda con Uma, rumbo norte, e chegamos ao cruce que sube a Rebordiños. Unha boa costa, onde houbo que aminorar a marcha. Nesta zona esta  previsto plantar unhas tres hectáreas de castiñeiro despois do verán. Arriba chegamos ao cruce de Rebordiños. Aquí hai cría de piñeiros e algún que outro eucalipto novo.

Seguimos máis ao norte o camiño que vai ter ao marco que limita as tres parroquias de Uma, Guillade e Mouriscados. De aí ven outra forte subida, dirección oeste, por un camiño que fai de linde entre Guillade e Mouriscados, e ao fin del cruzámonos cun camiño que ven de Rebordiños e vai dereito a Mouriscados. Nesa zona hai varias hectáreas, ao menos tres ou catro, con piñeiro de uns poucos anos en bo estado.

 

Seguindo un pouco ao norte chegamos a outro marco que fai o linde con Mouriscados. Dende aquí e mirando ao oeste vemos o Coto dos Santos, aínda envolto na néboa, a medio kilómetro.

Ao pé do Coto dos Santos, temos unha plantación de castiñeiro dunhas 3 ou 4 hectáreas, agora en floración, que xa ten uns 15 anos, pero que lle custou moito arrancar para diante, e ao lado dela outra máis pequena de roble americano.

De regreso baixamos polo camiño que vai ter dereito ao Coto das Pedreiras, coas vistas do San Domedio á fronte. Á man esquerda dese camiño, na zona de Rebordiños, vimos moita cría de piñeiro.

Xa no Coto das Pedreiras descansamos e bebemos auga na fonte.

Baixamos pola Coalleira, chea de xestas de dous e tres metros de altura dereito á Rañó e á casa da Mari Luz. Non moi lonxe da casa atopamos un vertedoiro de escombros escondido ao pé do camiño. Hai que ir concienciando á xente que esa non é a solución, que o monte é como a nosa casa e hai que telo limpo.

Para rematar, aquí podedes ver unha presentación completa do itinerario con máis fotos.

E aquí temos as fotos localizadas sobre un mapa de satélite grazas a google maps.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte de Guillade (22 de xuño 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Guillade ten previsto realizar unha excursión pola zona da Rañó e lindes con Uma, Mouriscados e Cumiar, co obxecto de valorar a situación actual do monte, clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de xuño, iniciarase ás 10:00 da mañá na Cruz do Valado, e volveremos para xantar na casa.

Chuzame! chúzame -

No comment »