Archive for Paseos polo monte

Excursión polo monte de Guillade (6 de xullo 2008): resumo da xornada

Saímos ás 18:30 da Cruz do Valado. Eramos 10 persoas, 6 maiores  (Xose, Antonio, Montero, Manolo, Nelo e José María) e 4 nenos (Estefanía, Andrea, Sandra e Tato).

Fartámonos de andar... ufffffff... isto si que foi unha excursión, e case todo o tempo polo medio dos fentos e dos toxos, subindo e baixando, lembrando aos mellores exploradores da historia. Primeiro fomos ver uns piñeiros que están a secar e marcámolos para cortar. Tivemos que andar polo medio dos fentos, e tropezarnos coa leña seca que había no chan. Andrea foi moi valente, pois aínda que se rascou nos pés seguiu sempre adiante sen queixarse.

Chegamos ao heliporto, e alí puidemos descansar un rato e beber uns tragos de auga. Despois paramos uns minutos na curva que hai antes de chegar ao campo de fútbol, onde sementaramos as landras e castañas no inverno. Vimos que algunhas xa naceran, o que nos puxo moi contentos a todos.

Seguimos pola estrada ata o linde con Celeiros, onde vimos o marco á beira da cuneta. Alí tamén había moito lixo polo chan, un recordo que nos deixaron os do Rallie dos coches, si, o das Rías Baixas, e que ben podían telo recollido e levado nos maleteiros, pois estes coches aínda que non o pareza tamén teñen onde levar as maletas. Queremos deixar claro para que se entere todo o mundo que o lixo non se deixa tirado no monte, pois o monte tamén é a nosa casa, e hai contederos onde tiralo, da mesma maneira que na nosa casa non imos tirando todo o lixo polo chan, senón que o botamos no caldeiro do lixo.



Despois de atopar o marco do linde con Celeiros, fomos  por un camiño dirección norte, ata atopar outro marco que estaba tirado no chan... parece ser que haberá que endereitalo, pois algún gracioso pensou que estaba mellor no chan, pero non, mellor está de pé.

Dende ese marco seguimos dirección noreste, todo recto, na mellor aventura, por riba (e por baixo) de fentos e toxos... Descubrimos unha carballeira preciosa, toda verde, e con carballos que tiñan a pel suave e que daba gusto acariñar. Detrás da carballeira vimos outro marco, este estaba de pé, e tiña un debuxo pintado. Agora tocou unha merenda de verdade, con galletas que levara Xose.

De alí seguimos na mesma dirección monte arriba, por camiños e carreiros, por medio de xestas, ata chegar aos nacentes de auga  de Oliveira. Seguindo un pouco máis arriba aínda buscamos outro marco que debía andar por alí pero que non demos atopado. Xa comezaba a esconderse o sol, e aínda fumos ver a capela de Santa Leocadia, pero estaba moi escondida e non atopamos. Alí había un monte moi bonito, todo chan e con moitos carballos a nacer, pero tamén había eucaliptos polo medio.

Chegou a hora de dar a volta e baixamos a correr ata o campo de fútbol onde estaban os coches, case era noite. Foi unha moi boa excursión e xa estamos esperando pola próxima!!

Chuzame! chúzame -

No comment »

Paseo polo monte de Guillade (6 de xullo 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Guillade continúa organizando os paseos  polo comunal. Desta vez toca na zona oeste, nos lindes con Oliveira e Celeiros, co obxecto de clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de xullo, pola tarde. Iniciarase ás 18:30 na Cruz do Valado.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte (22 xuño 2008): resumo da xornada

 Onte domingo xuntámonos catro persoas na Cruz do Valado a iso das 10:00 da mañá: Montero, Xose, Cris e Carlos. Iniciamos o paseo a pé na zona da Rañó lindando con Uma, baixo o Coto das Pedreiras. Ía néboa pero a temperatura era agradable. Nesta zona aínda vimos os restos dos piñeiros desvastados polo lume de hai dous anos, e algún que outro eucalipto que ameaza con implantarse na zona. Entre o toxo que medra hai cría de piñeiro.

Seguimos andando polo camiño que linda con Uma, rumbo norte, e chegamos ao cruce que sube a Rebordiños. Unha boa costa, onde houbo que aminorar a marcha. Nesta zona esta  previsto plantar unhas tres hectáreas de castiñeiro despois do verán. Arriba chegamos ao cruce de Rebordiños. Aquí hai cría de piñeiros e algún que outro eucalipto novo.

Seguimos máis ao norte o camiño que vai ter ao marco que limita as tres parroquias de Uma, Guillade e Mouriscados. De aí ven outra forte subida, dirección oeste, por un camiño que fai de linde entre Guillade e Mouriscados, e ao fin del cruzámonos cun camiño que ven de Rebordiños e vai dereito a Mouriscados. Nesa zona hai varias hectáreas, ao menos tres ou catro, con piñeiro de uns poucos anos en bo estado.

 

Seguindo un pouco ao norte chegamos a outro marco que fai o linde con Mouriscados. Dende aquí e mirando ao oeste vemos o Coto dos Santos, aínda envolto na néboa, a medio kilómetro.

Ao pé do Coto dos Santos, temos unha plantación de castiñeiro dunhas 3 ou 4 hectáreas, agora en floración, que xa ten uns 15 anos, pero que lle custou moito arrancar para diante, e ao lado dela outra máis pequena de roble americano.

De regreso baixamos polo camiño que vai ter dereito ao Coto das Pedreiras, coas vistas do San Domedio á fronte. Á man esquerda dese camiño, na zona de Rebordiños, vimos moita cría de piñeiro.

Xa no Coto das Pedreiras descansamos e bebemos auga na fonte.

Baixamos pola Coalleira, chea de xestas de dous e tres metros de altura dereito á Rañó e á casa da Mari Luz. Non moi lonxe da casa atopamos un vertedoiro de escombros escondido ao pé do camiño. Hai que ir concienciando á xente que esa non é a solución, que o monte é como a nosa casa e hai que telo limpo.

Para rematar, aquí podedes ver unha presentación completa do itinerario con máis fotos.

E aquí temos as fotos localizadas sobre un mapa de satélite grazas a google maps.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Excursión polo monte de Guillade (22 de xuño 2008)

A xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Guillade ten previsto realizar unha excursión pola zona da Rañó e lindes con Uma, Mouriscados e Cumiar, co obxecto de valorar a situación actual do monte, clarificar os lindes coas parroquias veciñas, e recoller propostas de cara a un futuro próximo.

Invitamos a toda a comunidade e agradecemos a vosa participación. A excursión terá lugar o vindeiro domingo, día 22 de xuño, iniciarase ás 10:00 da mañá na Cruz do Valado, e volveremos para xantar na casa.

Chuzame! chúzame -

No comment »