Archive for Defensa do medio ambiente

21 de setembro: Día Mundial contra os monocultivos de árbores

O día 21 de setembro celébrase o día mundial contra os monocultivos de árbores. A expansión dos monocultivos forestais en diversos países do mundo ten unha serie de consecuencias ambientais e sociais negativas. A Federación Ecoloxista Galega súmase á celebración deste Día a través dunha ciberacción que critica o apoio que a Administración Galega continúa a dar á expansión do eucalipto e solicita unha nova política forestal galega baseada na conservación da biodiversidade, na protección dos solos e na valorización dos montes.

Galicia non escapa aos danos asociados aos monocultivos. O cultivo de eucalipto está a ser un factor fundamental na degradación e hipoteca do futuro dos nosos sistemas forestais. A Administración galega desenvolve unha política baseada no mantemento e promoción dos monocultivos, fundamentalmente do cultivo de eucalipto, ao servizo das industrias de transformación que monopolizan a actividade do sector forestal e impoñen un modelo de xestión insostible ambiental, social e economicamente.

Ante este realidade, a Federación Ecoloxista Galega quere participar, neste día mundial contra os monocultivos de árbores, cunha ciberacción na que animará aos cidadáns de Galicia e doutros países a

enviar, a través dun formulario en internet

(http://www.salvalaselva.org/protestaktion.php?id=318)

un escrito aos Conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, e ao Presidente da Xunta, solicitando un cambio na política forestal que free a degradación que sofren os nosos montes.

Como complemento, creouse un álbum de fotografías na rede  http://picasaweb.google.es/contraosmonoc...) onde se fan visíbeis os impactos dos monocultivos. Calquer persoa que o desexe pode aportar as súas fotografías a este álbum enviándoas ao enderezo de correo electrónico contraosmonocultivos@gmail.com

Noticia recollida no xornal  Vieiros.com

Chuzame! chúzame -

No comment »

5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente conmemórase o día 5 de xuño de cada ano, para estimular a concienciación sobre o ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política. O lema seleccionado para O Día Mundial do Medio Ambiente 2008 é Deixa o Hábito! Cara a unha economía baixa en Carbono, e proponnos reducir a produción de CO2, principal causante do efecto invernadoiro e do quencemento glogal.

Na páxina do PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) atoparás máis materiais informativos, e algúns vídeos, coma este cunha canción de Sting (Fragile Planet) con imaxes e mensaxe.

Nos enlaces seguintes atópanse consellos para colaborar na mellora do medio ambiente:

Como podes controlar ti o cambio climático: baixa, apaga, recicla e anda.

Baixa a calefacción, apaga as luces que non necesitas, recicla os residuos e camiña ou vai en bici á escola; estas son algunhas das formas nas que podes axudar.Calcula as emisións de Carbono que podes aforrar

Para rematar temos uns xogos, para poñer a proba os coñecementos:

1. Para cuidar a illa de Honoloko.

2. Moitos máis xogos na web de Fundación Biodiversidad.

Chuzame! chúzame -

No comment »

2º Roteiro do Programa Debrúzate: Angoares

Os colectivos Adenco, Galiza Nova e MZS presentan o segundo roteiro do programa Debrúzate que nesta ocasión levará aos asistentes pola parroquia de Angoares.

      A actividade terá lugar o próximo sábado 7 de Xuño, saíndo da Igrexa de Angoares, ás 17h, con participación libre e gratuita. O percorrido, dunha dificultade baixa e unhas tres horas de duración partirá da Igrexa de Angoares, unha edificación de estilo románico, única no País pola súa planta de cruz latina e ábside rectangular.

      Posteriormente, o percorrido seguirá pola beira do Río Uma, Lugar de Interese Comunitario, onde se poden observar até dez muíños, desfrutar dunha paisaxe de ribeira ben conservada e onde tamén destaca a Ponte do Cabalón, pola que pasaba unha vía romana.

Ademais, os petos de ánimas e o Castro de Angoares serán obxecto de visita e explicación, neste roteiro circular que pretende unir unha vez máis o noso patrimonio natural e cultural, dándoo a coñecer para que se protexa e máis neste caso, o de Angoares, unha parroquia ao pé do casco urbán de Ponteareas, case descoñecida para os veciños da Vila.
(Recollido en nota de prensa do BNG Condado)

Chuzame! chúzame -

No comment »

Risco nas estradas + barullo + lixo nas cunetas = RALLYE

Un ano máis, as estradas da nosa Parroquia e do resto do Concello miraránse máis alteradas do habitual pola celebración do “tradicional” Rallye das Rías Baixas. Teoricamente o rebumbio terá lugar os días 30 e 31 de maio, pero desgraciadamente a maioría sabemos que as datas previas a esta celebración son días de grande axitación e perigo por culpa dos adestramentos de pilotos e de todo un exército de afeccionados “tuneados”, que tentando imitar aos seu ídolos da velocidade e o ruido, percorren as nosas estradas sen nengún tipo de control.

Ao marxe de cuestións tan “de moda” nestes días, como: a redución da contaminación, as campañas pola seguridade vial e as súas tentativas por evitar os accidentes de coche (cantos dos que estades lendo isto coñecedes a alguén que lamentablemente dunha ou outra forma sabe o que son as consecuencias tráxicas dos accidentes?), centrarei esta reflexión nun par de aspectos bastante frívolos en comparación co perigo que implica a velocidade ao volante: o deterioro que sufren as nosas estradas durante as probas e as toneladas de lixo que quedan acumuladas nas cunetas ano tras ano (xa por estratos), tiradas sen reparo polos afeccionados: latas, botes, bolsas, botellas, plásticos, vidros...

A todo isto, hai que lembrar os atropelos e sustos que xa se teñen producido con anterioridade, como motivo en grande parte do descontrol existente nos días previos. Feitos que xa fixeron que moitos veciños doutras zonas do Condado, fartos do acoso dos tolos polos rallies e ante a ausencia de medidas disuasorias por parte das “autoridades competentes” contra os adestramentos fóra do horario permitido ou practicados por condutores temerarios non profesionais, decidisen expresar o seu malestar con cortes de estradas e deseperadas tentativas de boicot.

Lonxe do que poidan pensar moitos, este escrito non pretende prohibir ou abolir a práctica deste “deporte” (?), tan só cuestionar os lugares, as formas, os tempos e os xeitos nos que tradicionalmente se ven desenvolvendo nas últimas décadas: atravesando núcleos de poboación practicamente a calquera hora do día ou da noite, con escaso (ou nulo) control da velocidade ou de, por exemplo, o ruído (a contaminación acústica tamén existe), deixando moi pouco beneficio ou contrapartida económica nas Parroquias pero moito nerviosismo (estar pendentes dos nosos nenos, das bicis, dos nosos maiores...), moreas de basura e inconvintes (estradas cortadas pola Organización que implican ter que dar grandes rodeos).

Asi pois, porque non temos porque vivir secuestrados sen poder saír das casas, desprazarnos con medo polas estradas ou cunetas (se as houbese) nin recoller o lixo dos demais, emprazamos desde este blog as Asociacións existentes en Guillade e no resto de lugares afectados por este tipo de eventos, a que esixan aos seus respectivos Concellos e autoridades competentes a toma das medidas pertinentes para evitar este tipo de problemas. Ou ben directa e persoalmente, ou conxuntamente coa Organización da Competición, presionándoa a velar polo respecto ao medio ambiente e pola seguridade dos que queremos vivir nun contorno tranquilo e seguro, e non nun circuito de carreiras que sempre acaba emporcallado e desfeito.

Chuzame! chúzame -

Comments (1) »

Subida a Cotodeira, en Sabaxáns

O vindeiro domingo, día 25 de maio, ás 16:30 horas da tarde, terá lugar a subida a pé a Cotodeira, na parroquia de Sabaxáns, e que inclúe unha visita guiada aos foxos da chan da Anduriña. É un acto cunha dimensión reivindicativa de cara a defensa do patrimonio natural e cultural deste monte onde se pretende a instalación dunha canteira.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Roteiro dos penedos da Picaraña

O próximo domingo 11 de maio a Comunidade de Montes de Arcos xunto a Consellería do Medio Rural, organizan unha xornada lúdica e divulgativa na zona da Picaraña, coa intención de por en valor o patrimonio natural deste emblemático lugar  de Ponteareas.

O roteiro comezará as 9:30 h. saíndo do Barrio da Serra (fronte ao “Restaurante Rías Baixas”, na N-120), posteriormente habrá un xantar popular as 14:30 (16 € adultos, e 8 € os cativos), amenizado por un grupo de música tradicional.

Para acadar máis información, ou inscribirse, pódese chamar ao seguínte número:

986 644 601

Aquí podedes ver o tríptico da convocatoria do roteiro: cara 1, cara 2.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Roteiro polos montes de Cillarga

O pasado sábado 26 de abril, perto de medio cento de persoas de diferentes parroquias do Concello de Ponteareas, acudiron á chamada de apoio feita polas organizacións: ADENCO, GALIZA NOVA e ASOCIACIÓN XUVENIL MZS, para denunciar neste caso o proxecto de apertura dunha canteira nesta zona da parroquia de Ribadetea.

Nesta ocasión, os asistentes poideron coñecer da man dos guías que organizaron a camiñata, os restos megalíticos existentes neste entorno natural, destacando as mámoas e dólmenes datados entre o 5.000 e 2.000 antes de Cristo, como os da “Lomba do Carballo Escuro”, “O Castelo” ou a mámoa do “Alto do Marco”.

Este roteiro é un dos primeiros que estas organizacións ecoloxistas e xuvenís, teñen programados levar adiante por diferentes puntos da nosa Comarca, barallándose incluso a posibilidade de que moi pronto pasen incluso por Guillade co gallo de dar a coñecer a riqueza e valor do noso patrimonio natural e cultural.

Chuzame! chúzame -

No comment »