Archive for Ideas para o monte

Asociacións veciñais de vixilancia forestal

CONSTITÚESE A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE VIXILANCIA FORESTAL DE FOZARA (PONTEAREAS)

  • O delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, entregou esta mañá aos integrantes desta asociación o material necesario para realizar traballos de vixilancia disuasoria e de apoio en colaboración co servizo de prevención e extinción de incendios.
  • A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais vén fomentando este tipo de iniciativas integradas por persoas voluntarias directamente vencelladas á defensa dos seus montes, chegando a ter neste momento 74 agrupacións constituídas no territorio galego.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2008.- O delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, fixo entrega esta mañá á recén constituída Asociación Veciñal de Vixilancia Forestal de Fozara (Ponteareas) do material necesario para levar a cabo os traballos de vixilancia disasoria e de apoio en colaboración co servizo de prevención e extinción de incendios. A Consellaría do Medio Rural facilitalles a este tipo de agrupacións de voluntarios material como chaleques identificativos, batelumes e prismáticos, ademais de impartirlles un cursiño sobre prevención de incendios e vixilancia, co obxectivo de atender acaídamente as instrucións de coordinación do dispositivo profesional de loita contra incendios. Desde que a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais comezara a impulsar a constitución deste tipo de agrupacións o pasado ano, neste momento xa existen 74 AVVF desenvolvevendo labores de vixilancia e de retén. Neste sentido, Constenla destacou “a importancia de que toda a sociedade se involucre na defensa dos nosos recursos forestais, e aínda que a Administración asume as iniciativas relativas a este ámbito, nos dous últimos anos estase a observar un cambio na comunidade que volve a sentir o monte como algo propio, sendo as AVVF unha mostra disto”.

Hai que lembrar que, no marco da loita contra o lume, as agrupacións veciñais poden desenvolver labores de voluntariado en tarefas que non esixan ningún grao de profesionalización en colaboración cos responsables dos distritos forestais e de acordo cos protocolos establecidos en materia de prevención e extinción. O obxectivo principal do seu traballo, ademais de reducir o número de lumes mediante vixilancia disuasoria, é o de diminuír o tempo de reacción pola rápida detección, acadar e transmitir información precisa, prestar apoio na guía de medios, prestar apoio loxístico na subministración de auga, vixilar os lumes sofocados e ordenar e optimizar a participación cidadá nas labores de prevención e extinción.

A constitución deste tipo de agrupacións está contemplada normativamente na Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza no apartado que recolle “o reforzo da vixilancia para poñer couto á actividade criminal incendiaria mediante a colaboración veciñal”, punto que lexitima a involucración de toda a sociedade galega na defensa do noso monte como un activo económico, social e medioambiental. Estas fórmulas de agrupación poderán, na maior parte dos casos, ter continuidade na constitución de Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), como fórmula de reorganización da propiedade co obxectivo de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo.

Consellería do Medio Rural

Chuzame! chúzame -

No comment »

Proxecto de xestión forestal sostible en Mouriscados

Noticia recollida no diario Faro de Vigo  e as imaxes da web de mediorural.xunta.es

A Consellería de Medio Rural e a Universidade de Santiago desenvolverán no monte veciñal en man común de Mouriscados (Mondariz), parte dun proxecto de investigación e divulgación de xestión forestal sostible mediante sistemas de silvopastoreo, que pretende ser un sistema eficaz para a loita contra os incendios forestais.

A comunidade promoverá o pastoreo de especies como o cabalo de raza galega, a vaca cachena, que é a máis pequena do mundo, ou o porco celta.

O experimento consiste no uso de gando como "desbrozadora", alimentándose básicamente do pasto natural do sotobosque, reducindo así a cantidade de combustible e, polo tanto, o perigo de incendio forestal.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Achega de ideas para o futuro do noso monte

Hai un par de semanas que se elixiu unha nova xunta rectora para a Comunidade de montes de Guillade. É tempo de recoller todas as propostas que calquera comuneiro ou comuneira queira presentar e valorar a posibilidade de levalas a cabo. Non importa que sexan máis ou menos viables, trátase de ter ideas onde poder escoller. A modo de exemplo podemos anotar:

  1. Ter a disposición de calquera comuneiro/a que o solicite os Estatutos da comunidade.
  2. Publicar anualmente e con suficiente antelación as contas da tesourería para coñecemento de todos os comuneiros/as.
  3. Publicar un mapa con todo o terreo xestionado pola comunidade de montes e onde se indique con que recursos se conta en cada parcela: tipo de plantacións,...
  4. Establecer prioridades para cuidar dos recursos existentes. Cómo atender ás tarefas de limpeza e organizar novas plantacións en parcelas elixidas. Priorizar cultivo de frondosas (carballo, castiñeiro, bidueiro...) e mesmo valorar o cultivo dalgunha froiteira (nogueira, cerdeira... e tamén maceira ou algo polo estilo).
  5. Organizarse os comuneiros/as para cuidar de zonas concretas se non fose posible facelo por outros medios debido ás dificultades económicas. Cada barrio, dirixido por cada vocal, pode responsabilizarse do cuidado dunha parcela concreta.
  6. Centrar os recursos e os esforzos en cuidar de parcelas de especial interese, e deixar outras superficies a monte se non se dispón de recursos suficientes para atender posibles plantacións.
  7. Existen zonas onde ardeu o piñeiro existente e que agora está cheo de nova cría de piñeiro. Hai que concretar como se cuida desa nova cría, tipos de fileiras, espazo entre árbores...
  8. Hai zonas de monte onde nacen algúns carballos. Poden cuidarse os que hai e desbrozar para que poidan asentarse.
  9. Hai outras zonas, especialmente nos lindes con Uma e con outros montes propiedade dos veciños (cabadas...) onde o eucalipto comeza a invadir o comunal con cría nova. É conveniente eliminalos para evitar que se expandan de xeito incontrolado.
  10. Ter presente que o lume é un inimigo cruel e temible e que temos que previr para que o día que veña faga o menor mal posible.
  11. Resolver canto antes o contencioso de lindes con Cumiar así como a situación do heliporto.
  12. Xestionar a mellora das pistas forestais, algunhas delas atópanse en estado intransitable para vehículos.

Para calquera outra proposta que se vos ocurra podedes enviar as vosas suxestións á seguinte dirección de correo electrónico xose.vidal@gmail.com e serán publicadas. Moitas grazas.

Chuzame! chúzame -

No comment »

Ideas 0.1

Este espazo ven ser coma un remuíño onde fervan as ideas:

. Actividades para sensibilizar e implicar á xente máis nova:

- Xornada de recollida de landras (tamén de castañas) para sementar máis tarde.

- Xornada de sementeira de landras no monte (tamén de castañas)

- Apadriñamento dunha árbore (ou varias) que motiven ó seu cuidado: nogais, laranxeiras...

- Formación de cuadrillas de limpeza e dedicar uns días sinalados á limpeza do monte (cuidado de zonas sensibles e das propias sementeiras)

- ...

Chuzame! chúzame -

No comment »

Programa 0.1

A primeira proposta dun programa para a comunidade de montes pode recoller os seguintes apuntes:

. Silvicultura: Especial atención ó cultivo de frondosas (carballos e castiñeiros principalmente), cedendo a maior superficie posible para estas árbores. Plantar piñeiro en áreas máis secas e de menos recursos do chan.

. Dedicar un 10 % do presuposto a actividades de formación e sensibilización tanto dos comuneiros como da xente nova (apadriñamento de árbores, cuadrillas de limpeza de montes...)

. Posta en valor do patrimonio histórico e cultural (promoción da Vía Alteria, castros...)

Chuzame! chúzame -

No comment »