Archive for O lume

Asociacións veciñais de vixilancia forestal

CONSTITÚESE A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE VIXILANCIA FORESTAL DE FOZARA (PONTEAREAS)

  • O delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, entregou esta mañá aos integrantes desta asociación o material necesario para realizar traballos de vixilancia disuasoria e de apoio en colaboración co servizo de prevención e extinción de incendios.
  • A Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais vén fomentando este tipo de iniciativas integradas por persoas voluntarias directamente vencelladas á defensa dos seus montes, chegando a ter neste momento 74 agrupacións constituídas no territorio galego.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2008.- O delegado do Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, fixo entrega esta mañá á recén constituída Asociación Veciñal de Vixilancia Forestal de Fozara (Ponteareas) do material necesario para levar a cabo os traballos de vixilancia disasoria e de apoio en colaboración co servizo de prevención e extinción de incendios. A Consellaría do Medio Rural facilitalles a este tipo de agrupacións de voluntarios material como chaleques identificativos, batelumes e prismáticos, ademais de impartirlles un cursiño sobre prevención de incendios e vixilancia, co obxectivo de atender acaídamente as instrucións de coordinación do dispositivo profesional de loita contra incendios. Desde que a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais comezara a impulsar a constitución deste tipo de agrupacións o pasado ano, neste momento xa existen 74 AVVF desenvolvevendo labores de vixilancia e de retén. Neste sentido, Constenla destacou “a importancia de que toda a sociedade se involucre na defensa dos nosos recursos forestais, e aínda que a Administración asume as iniciativas relativas a este ámbito, nos dous últimos anos estase a observar un cambio na comunidade que volve a sentir o monte como algo propio, sendo as AVVF unha mostra disto”.

Hai que lembrar que, no marco da loita contra o lume, as agrupacións veciñais poden desenvolver labores de voluntariado en tarefas que non esixan ningún grao de profesionalización en colaboración cos responsables dos distritos forestais e de acordo cos protocolos establecidos en materia de prevención e extinción. O obxectivo principal do seu traballo, ademais de reducir o número de lumes mediante vixilancia disuasoria, é o de diminuír o tempo de reacción pola rápida detección, acadar e transmitir información precisa, prestar apoio na guía de medios, prestar apoio loxístico na subministración de auga, vixilar os lumes sofocados e ordenar e optimizar a participación cidadá nas labores de prevención e extinción.

A constitución deste tipo de agrupacións está contemplada normativamente na Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza no apartado que recolle “o reforzo da vixilancia para poñer couto á actividade criminal incendiaria mediante a colaboración veciñal”, punto que lexitima a involucración de toda a sociedade galega na defensa do noso monte como un activo económico, social e medioambiental. Estas fórmulas de agrupación poderán, na maior parte dos casos, ter continuidade na constitución de Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), como fórmula de reorganización da propiedade co obxectivo de facilitar a ordenación dos montes e o seu planeamento preventivo.

Consellería do Medio Rural

Chuzame! chúzame -

No comment »

O perigo dos lumes

a

Xa dende que eu era neno lembro esa praga continua que asola os nosos montes verán tras verán. Nos tempos dos meus avós dicían que non ardía tanto, os montes limpábanse e cuidábase deles.

Hoxe non fai falta ir monte arriba para ver que todo se vai abandonando ano tras ano, as silvas e os toxos achéganse ás portas das nosas casas e tapan os camiños que aínda lembran marcadas nas súas pedras as rodas dos carros, carros cargados de leña ou toxo que eu mesmo guiei diante das vacas tantas veces.

Duns anos para acá, esta falta de limpeza é un factor decisivo para que o lume arrase ano tras ano os montes... pois a broza segue a medrar de ano en ano... toxos, xestas, silvas... e agora tamén eucaliptos. Esta árbore é un dos maiores perigos para os nosos montes. Cada ano que arde, as súas sementes espállanse centos de metros e crecen coma xestas, todos xuntos, delgados, e bastos a fartar. Como non hai quen os guíe, esperan cobizosos o lume do próximo ano, e como son tan combustibles axudan ó lume a medrar e arrasar xa de paso con todo canto hai. E o ano seguinte repítese a historia, cada vez con máis virulencia. ¿ E ese o futuro que queremos para os nosos montes... pedras e ramas de eucaliptos?

a

Temos que pensar en algo máis que no puro economicismo (todo polos cartos), e valorar tamén aspectos do medio ambiente que melloran a nosa calidade de vida... o verde dos bosques, a frescura e a sombra do verán, os camiños limpos... recuperar o monte coma un espazo de recreo e de diversidade.

Unha aposta interesante sería prantar árbores caducifolias (carballos, castiñeiros, nogais... que como se sabe son moito menos combustibles) naquelas zonas propicias, e que son bastantes. Deixar os piñeiros para as zonas máis pobres (que tamén son moi amplas). Así, as árbores caducifolias, unha vez asentadas, tamén actuarían de poderosos cortalumes naturais.

a

De trinta anos para acá a superficie poboada de árbores do noso monte vai a menos ano tras ano, cando non se ve remprazada polos eucaliptos. A onde imos por ese camiño? É ese o futuro que queremos para os nosos fillos e netos? Porque o monte é un investimento a longo prazo o primeiro sería pensar neles. Non cos ollos avaros e mesquiños de quen só pensa no inmediato, senón coa mirada tranquila de quen mira para os horizontes agora lonxanos, pero próximos mañán para os nosos fillos.

Chuzame! chúzame -

Comments (1) »