Pèri Oikonomías VI (Paideía)
Necesaria é a deusa Fortuna, para formar um homem "Teletaí", dado o grande problema filosófico da imposibilidade da transmisión da "areté". E para demostralo aí estaba o caso de Pericles, que ainda sendo um homem notabel, non puido evitar que os seus filhos cairam na máis absoluta mediocridade. Sem embargo, e como para deixar em ridículo esta teoría, a vulgaridade práctica parece indicar que na verdade (se é que acaso a verdade existe) o ensino da virtude se fai habitualmente de maestro a discípulo, se bem este discípulo ha de ser um bem nascido, dotado de excepcionais
qualidades per natura.
Alcanzar a "Sóphrosýné" non é tarefa fácil, pois non depende só do mestre e do aprendis, senon dum longo e constante caminhar, um madurar-se a si mesmo permanente, neste fero mundo do amor pola "Sophía", que irremediabelmente terá que ser intenso.
Toda esta lucidés, compensadora de todo por si mesma, terminará com o tempo, que tudo confunde na súa poeira, só a escritura ou o discípulo, poderam perpetuar dalgunha maneira este legado, este saber acumulado.
Por outra parte saber é algo sumamente perigoso, non exento de inimigos, pois choca frontalmente coa autoridade, que ante a imposibilidade de enganar, recorre con frecuencia á forza contra estes incómodos sabios, que tenhem a ousadía de ensinar ao pobo, pois um pobo ignorante é máis facilmente gobernabel.
Véxase senón casos famosos, na antigüidade os filósofos eram com frequencia perseguidos e mortos e a súa obra queimada.
Acusados de impíos e corruptores da xuventude, eram disculpas utilizadas para librarse destes homes que facían do saber o seu modo de vida.
Prometeu, que por revelar o segredo do fogo, foi submetido polos deuses a um tormento eterno. Tambén o famoso caso de Adán, que quixo saber tanto coma deus, e comer o fruto da árbore da sabiduría, polo que se abateu sobre el toda a cólera divina.
E a pesar de todos estes contratempos hainos que aínda teiman, na misericordiosa labor de ensinar ao ignorante, e protexelo das mans do poder.
Mal de todos nós, se estes ilustres, capaces de sacrificio en aras da razón común, non nos deixaran o seu exemplo e o seu testemunho, estaríamos sem dúbida máis perdidos aínda nesta selva infinda.
Ensinar é unha das labores máis difíciles e perigosas, por todo o anteriormente exposto (nalgunhas democracias americanas incluso se caza ós profesores a tiros) mas também é a máis importante laboura, pois com ela trabálhase, moldéase a Psyché humana, tanto para o bem como para o mal, por essa mesma razón se encontra tan monopolizado o ensino, ou nas mans do Estado, ou nas mans da relixión.
Dúas vías existem para acceder ao conhecimento, a vía da razón que leva a um saber sistemático e a unha erudición magnífica, e a vía dos sentidos, em que um vai avanzando a través do bom gosto neste marabilloso mundo.
Dous tipos tamén de finalidades nesta preparación, a ética do vencedor e a ética do homem felís, ou gradacións intermedias entre a Areté e o Télos.
O homem que medrou amamantado na cultura dos clásicos, conserva unhas características peculiares desta forma de educación, um pouso, tales como um gosto polo desfrute das cousas boas da vida, e pola "labor" em sentido diferente do trabalho, para a través dessa obra lograr unha pervivencia na memoria, que semella a inmortalidade.
Certo é que unha boa educación, nos pode librar de muitas das trampas que o mundo coloca no nosso caminho diario, sálvanos do vigário e do terríbel tormento da reprodución das costumes nefastas, promovidas polo poder sobre a sociedade, a morte das xornaleiras por alcoholismo, os bares, as drogas americanas, o xogo, o tabaco, o desporto de massas e a política, que intoxican, dividen e enfrentan as xentes, num combate sem sentido.
Aínda que tudo estexa asolagado, procuremos manter a toda custa a cabeza de fóra, que esta Galiza-Gaya nossa, nai de poetas, que esta terra verde agarimosa, nos axude a conservar viva esta personalidade cultural propia, que a fala perviva a través dos milenios, para identidade e deleite nosso, que nos murmure nos ouvidos palabras insubstituíveis para o noso velho corazón.
Saúde.
Antonio Argibay Sebastián
chúzame - 




