Excursión polo monte (22 xuño 2008): resumo da xornada
Onte domingo xuntámonos catro persoas na Cruz do Valado a iso das 10:00 da mañá: Montero, Xose, Cris e Carlos. Iniciamos o paseo a pé na zona da Rañó lindando con Uma, baixo o Coto das Pedreiras. Ía néboa pero a temperatura era agradable. Nesta zona aínda vimos os restos dos piñeiros desvastados polo lume de hai dous anos, e algún que outro eucalipto que ameaza con implantarse na zona. Entre o toxo que medra hai cría de piñeiro.

Seguimos andando polo camiño que linda con Uma, rumbo norte, e chegamos ao cruce que sube a Rebordiños. Unha boa costa, onde houbo que aminorar a marcha. Nesta zona esta previsto plantar unhas tres hectáreas de castiñeiro despois do verán. Arriba chegamos ao cruce de Rebordiños. Aquí hai cría de piñeiros e algún que outro eucalipto novo.


Seguimos máis ao norte o camiño que vai ter ao marco que limita as tres parroquias de Uma, Guillade e Mouriscados. De aí ven outra forte subida, dirección oeste, por un camiño que fai de linde entre Guillade e Mouriscados, e ao fin del cruzámonos cun camiño que ven de Rebordiños e vai dereito a Mouriscados. Nesa zona hai varias hectáreas, ao menos tres ou catro, con piñeiro de uns poucos anos en bo estado.


Seguindo un pouco ao norte chegamos a outro marco que fai o linde con Mouriscados. Dende aquí e mirando ao oeste vemos o Coto dos Santos, aínda envolto na néboa, a medio kilómetro.

Ao pé do Coto dos Santos, temos unha plantación de castiñeiro dunhas 3 ou 4 hectáreas, agora en floración, que xa ten uns 15 anos, pero que lle custou moito arrancar para diante, e ao lado dela outra máis pequena de roble americano.



De regreso baixamos polo camiño que vai ter dereito ao Coto das Pedreiras, coas vistas do San Domedio á fronte. Á man esquerda dese camiño, na zona de Rebordiños, vimos moita cría de piñeiro.

Xa no Coto das Pedreiras descansamos e bebemos auga na fonte.


Baixamos pola Coalleira, chea de xestas de dous e tres metros de altura dereito á Rañó e á casa da Mari Luz. Non moi lonxe da casa atopamos un vertedoiro de escombros escondido ao pé do camiño. Hai que ir concienciando á xente que esa non é a solución, que o monte é como a nosa casa e hai que telo limpo.

Para rematar, aquí podedes ver unha presentación completa do itinerario con máis fotos.
E aquí temos as fotos localizadas sobre un mapa de satélite grazas a google maps.
chúzame - 







