Quen somos?
Esta iniciativa pretende xuntar a un grupo de persoas interesadas en buscar un futuro viable para os montes de Guillade. Aquí poden achegarse todas as ideas, materiais para a reflexión e o debate, recursos institucionais, etc. O obxecto é pensar un modelo que posibilite un futuro digno para os nosos montes.
As distintas posicións móvense entre un modelo estrictamente economicista, que persegue o maior rendemento económico no menor prazo posible de tempo, ata outro modelo centrado nos valores ecolóxicos e conservacionistas, onde importa máis a estética do monte, a súa sustentabilidade a medio e longo prazo, onde se pensa no modelo de monte que van herdar as novas xeracións e nos valores que se transmiten a través do seu cuidado.
E pode ser un monte salpicado de urbanizacións, repleto de eucaliptos (verdes ou queimados), ou ben onde dominen amplas extensións de piñeiro, ou onde se vexa máis ca outra cousa o amarelo e o verde dos toxos, ou mesmo onde non se vexan máis ca pedras e terra pelada, ou un monte con amplas zonas de carballeiras e frondosas, e mesmo con algunha zona dedicada a pequenas explotacións productivas.
Pois aí é onde haberá que ir escollendo.
Por extensión, neste blog tamén teñen cabida as noticias ligadas ao medio ambiente en sentido xeral, e aos recursos naturais de Guillade, primando un enfoque de carácter educativo cara á xeración máis nova, os nenos e nenas de Guillade.
A participación nesta páxina queda aberta a calquera persoa que queira contar algo, para facelo podedes mandar un e-mail a xose.vidal@gmail.com para solicitar permisos. Grazas.
NOTA: AS OPINIÓNS AQUÍ EXPOSTAS NON REPRESENTAN NECESARIAMENTE AS DA COMUNIDADE DE MONTES DE VECIÑOS EN MANCOMÚN DE GUILLADE (CMVMC), E ESTE NON É UN BLOG OFICIAL DA CITADA ASOCIACIÓN.
chúzame -